Que é isto?

O Neoloxismo do Ano ten por obxectivo elixir a palabra «nova» do galego que máis nos presta das que foron inventadas ou popularizadas nese no.

E logo? Para que?

O galego é unha lingua viva e como tal os galegos andamos seguido a crear palabras. Nós queremos celebrar iso escollendo unha palabra que represente esta vizosidade da lingua en cada ano. A idea é festexar a creatividade e divertimento de falarmos galego. Unha lingua que non crea palabras novas é unha lingua morta, mais o galego hainos durar mil primaveras máis, e esta iniciativa serve para visibilizármolo.

(Como curiosidade, certames semellantes xa se fan noutras linguas por algúns organismos, senden os máis parecidos os da American Dialect Society ou Oxford Dictionaries para o inglés. Algúns outros fanno cun obxectivo lixeiramente diferente, como é o caso do Observatori de Neologia no catalán, onde se vota por unha candidata a entrar no dicionario. Por último, outros céntranse na actualidade e elixen a palabra (nova ou vella) que mellor resuma o ano, como é o caso da Fundéu no castelán, o Gesellschaft für deutsche Sprache no alemán, Cambridge Dictionaries ou Merriam-Webster no inglés ou mesmo o Portal das Palabras no galego, no que vos convido a participardes!).

Ben! Cal é o proceso, logo?

Muda un pouquiño cada ano. Por exemplo, no 2016 comezamos pedindo á xente que enviara as súas candidatas, mais no 2017 seleccionáronse tras facer una comprobación automática de todas as verbas contidas en GALITUÍTER (un corpus baseado nas contas galegas de Twitter que conteñen desde xornais até políticos e xente do común). En 2018 fixemos una mestura: algunhas foron propostas pola xente e outra obtidas do corpus GALITUÍTER 2018.

En calquera caso, as candidatas, manuais ou automáticas, foron logo revisadas a man por lingüistas, que elixiron as dez finalistas baseándose en criterios sociais e de relevancia. E logo todos vós votades e escolledes un gañador.

Quen se encarga de organizar todo isto?

A iniciativa e o labor de filtrado e xestión lévaos o Xurxo Diz.

Veña logo. Cando se comeza?

O concurso para o ano 2018 xa está aberto! Entra aquí para votares pola túa palabra favorita. Tes ata o xoves 20 de decembro ás 23:59. O venres 21, ás 15:00, anunciaremos o gañador nesta mesma páxina.

E lembra compartires a convocatoria nas redes sociais (preferentemente co hashtag #NeoloxismoDoAno) e falarlle dela aos teus amigos e familiares, para que todo o mundo poida tomar parte! Diríxelles cara o enderezo desta páxina, neoloxismo.gal.